Música celestial

Anxos (1513). Rafael Sanzio

Estes días en moitas igrexas, teatros e auditorios hai concertos adicados a música sacra. Á marxe das crenzas relixiosas ou da ideoloxía con respecto á propia relixión de cada un d@s pequecoristas, recoméndovos que non renunciedes a escoitar música sacra. Na nosa historia musical, existen infinidade de obras sublimes que son auténticas marabillas para os nosos oídos e para a nosa mente. Renunciaríades a mirar os anxos de Rafaello Sanzio? Poderíamos poñer milleiros de exemplos de obras doutras artes ás que, aínda que sexa só pola súa estética, non renunciamos. Pois, disfrutade da música sacra.

A Paixón según San Mateo de Johann Sebastian Bach é unha destas magníficas obras a música sacra. Foi estreada o 15 de abril (un Venres Santo) de 1729 baixo a dirección de Bach, caendo no olvido á morte de Bach e sendo recuperada por Félix Mendelssohn en 1829.

A Paixón ten dúas partes cun total de 68 números: coros, arias para solistas, recitativos (un estilo entre falado e cantado)...Unha especie de ópera cos seus personaxes, mais sen posta en escena.

A obra está escrita para dous coros. Na época de Bach, as mulleres non cantaban na igrexa (que estrano sonará para tódol@s pequecoristas!), así que os coros estaban compostos por nenos e homes. Bach xoga co son envolvente...Aínda non existía  5.1, mais repartía melodías facendo un diálogo entre dous coros separados entre si.

No seguinte vídeo escoitaredes o coro co que comeza a Paixón interpretado polo Thomanechor, o coro de nenos e homes de Leipzig (Alemania), xunto coa Orquestra da Gewandhaus de Leipzig e o seu coro infantil e xuvenil dirixidos por Georg Christoph Biller cantando na igrexa de San Tomás de Leipzig, onde Johann Sebastian Bach fora o Cantor dende 1723 ata a súa morte en 1750.

Que é isto de Cantor? Bach seleccionaba ós nenos que podían cantar no coro, e tiña que ensinarlles a cantar. Ademáis era a súa obriga ensinarlles latín: en Alemania, país protestante, os coros nas igrexas cantaban en alemán, mais nos países católicos o idioma oficial para a música da Igrexa era o latín. Bach tiña que compoñer semanalmente obras para cantar nesta igrexa, e, por se non fora dabondo, era o director e organista.




Volvede a mirar o vídeo: quero que reparedes na colocación das partituras dos nenos cantores e na súa mirada sempre atenta ó director. Que bo exemplo!


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Peque Coro no 25N

Peque Coro in crescendo: descubrindo ao invasor

Peque Coro en tempos de confinamento