Un bonito recordo


O noso primeiro concerto deste ano será unha experiencia que gardaremos na memoria para sempre. Este era un novo espazo para tod@s, e un fermoso espazo.

Comprendemos perfectamente as sensacións que poden ter @s pequecoristas, porque igual que vos, nós saímos a ese mesmo esceario coa vosa idade, e cuns anos menos. Recordamos aquelas sensacións do formigueo polos nervos previos á saída á escea, ademáis da euforia da ovación dun teatro repleto.

O cole que fumos de pequenas despedían cada curso cun festival neste teatro. Aínda que non estaba tan bonito e esplendoroso, máis ben todo o contrario. Era un teatro practicamente abandonado do que só quedaba unha sensación do que fora en tempos pasados. Menos que que tódol@s ferroláns recuperamos esta xoia para a nosa cidade!.

Pois ben, acababa o curso e cada clase facía unha pequena coreografía, ademáis de presentar o traballo das clases de ballet e baile tradicional galego. Era fantástico o bulir entre cortinas. Axiña cambiábamos as zapatillas e o tul de ballet, pola saia do traxe galego. Aínda cos ollos abertos podo recordar as miñas emocións bailando unha adaptación do Outono de Vivaldi.

Tamén recordamos momentos nos que preferirías fuxir. Miña nai mercáreme uns zapatos novos de charol para bailar ese día. Como brillaban! Como di a copla: "aínda non merquei, pero vou mercar zapatiños novos para ir bailar". Pois non levedes os zapatiños novos ó baile porque esbaran! Xa o notara co primeiro punto: tacón-punta-tacón e na primeira volta da muiñeira...ZAS! Catuxa vai tan salerosa que cae ó chan. E que fas? Pois coma sempre nesta vida: érgueste e segues cara diante. 

O Conservatorio tamén organizou algún concerto de fin de curso neste teatro. E alí estabamos @s alumn@s de distintas especialidades. Recordo saír perdida a ese esceario. Non estaba a miña profesora de piano para darme a tranquilidade e as forzas precisas. Quedei satisfeita da primeira obra que interpretei, o trago difícil foi cando comeza a fallarme a memoria tocando no piano unha invención de Bach. Foron uns intres eternos.  

Para @s pequecoristas o único momento para esquecer será a espera, mais a vosa interpretación e presenza en escea foi marabillosa. Co voso traballo e concentración en escea, é imposible esbarar e caer! E nunca na vida esqueceredes as emocións compartidas c@s vos@s compañeir@s pequecoristas.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Peque Coro no 25N

Peque Coro in crescendo: descubrindo ao invasor

O Peque Coro en clave galega