Gustav Klimt e a súa homenaxe a Beethoven





Este ano é o 150 aniversario do nacemento de Gustav Klimt (1862-1918). 
Naceu no ano 1862 en Baumgarten, xunto a Viena. O seu pai era orfebre e a súa nai cantante de ópera. Dende pequeno amosou moitas aptitudes para o debuxo, así que dende os 14 anos comezou a estudar na Escola de Artes e Oficios de Viena distintas técnicas: dende o mosaico ata o fresco ou a pintura. Xunto co seu irmán Ernst facía un bo equipo e axiña tiveron encargos de decoración de interiores.




Quizáis as obras máis famosas de Klimt sexan as da súa etapa dourada: cadros cheos de cores como se fosen un calidoscopio, con decoración de espirais e mosaicos e predominando o resplandor do dourado.



Hoxe en día O bico (1907) é a súa obra máis coñecida e admirada. 





Para que coñezades un pouco a súa obra tedes o seguinte vídeo con acompañamento do adagio da Romanza para violín e orquestra nº 2 de Beethoven.



No ano 1902, Klimt xunto cun grupo de artistas que formaban a chamada Secesión vienesa quixeron facer unha homenaxe a Ludwig van Beethoven. Daquela cumpríanse os 75 anos da morte de Beethoven.


Na exposición unha estatua do compositor, obra de Max Klinger, ocupaba o centro da sala. Ó longo de tres paredes, Klimt pintou o seu Friso Beethoven e Gustav Mahler sería o encargado de dirixir un arreglo da 9ª sinfonía.

Klimt quería plasmar a búsqueda da felicidade do ser humano a través da arte.






Na primeira parede, Beethoven, que representa a Forza, aparece coma un cabaleiro con armadura que  ten a misión de loitar contra o sufrimento da Humanidade.










Na segunda parede, as forzas do Mal: distintas figuras que amosan o horror, a enfermidade, a loucura, o exceso...








Despois desa escea angustiosa, aparece na terceira parede a Poesía, tocando unha lira.

A parte final do friso é a perfecta representación do Himno á Alegría de Schiller, ó que puxo a música Beethoven no movemento final da Novena Sinfonía. É a representación dos versos de Schiller: a alegría, marabillosa chispa divina.


O coro de mulleres traénos a harmonía: as artes lévanos ó reino do ideal , onde podemos atopar a pura ledicia, a pura felicidade, o puro amor. 

No seguinte vídeo, poderedes ver o friso de Beethoven tal e como se expón actualmente no Pavillón da Secesión vienesa, mentres escoitamos o movemento final da Novena Sinfonía, onde aparece o Himno á Alegría. Un canto á fraternidade universal: tódolos homes serán irmáns (alle menschen werden brüder).

Cando o baixo exclama coa súa chamada: "Amigos, non neses tonos..." a melodía do Himno é tocada pola orquestra e despois polo coro. Chelos, frautas e oboes,..alternancia de voces masculinas e femininas ata chegar a intensidade de todo o coro.




O Himno da Alegría sonará o luns 30 de xaneiro, Día Escolar pola Paz, en milleiros de escolas como un gran símbolo da igualdade e fraternidade. Quería compartir con vos esa gran homenaxe de Klimt con Beethoven. Que mellor ocasión que esta! 

E para despedirnos, un verso do Himno da Alegría cun detalle dunha obra de Klimt.


Abrazádevos, millóns de seres!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Concerto pola Día da Paz

Peque Coro in crescendo: descubrindo ao invasor

Peque Coro no 25N