Compañeira é unha canción de Fuxan os Ventos, un grupo de música folk e música popular galega que naceu no ano 1972. Dende ese ano deron a coñecer un repertorio moi amplio e rico de música tradicional galega, convertíndose nun grupo fundamental na dignificación do idioma e da cultura galega. No ano 1976 publican o seu disco Fuxan os Ventos. Nel aparece Compañeira, con música e letra creada por eles.
No seguinte vídeo escoitaredes a Compañeira de Fuxan os Ventos
A versión que nos cantamos é un arranxo de Julio Domínguez, quen dirixe a este coro de mulleres na súa versión para dúas voces a capella (sen acompañamento instrumental).
Os nosos amigos do Coro Infantil do Cmus de Lugo cantan moi ben esta obra. Nun futuro concerto sería moi bonito compartir esceario cantando xuntos a Compañeira.
Despois de dous cursos de obrigado parón, retomamos a actividade coral que tanto estabamos desexando recuperar...os nenos, nenas, mozos, mozas e por suposto, a pianista e maila directora. Aínda teremos que agardar para poder anunciar un concerto, pero queremos compartir nesta primeira publicación deste curso as nosas fotos para o 25N: O Xan Viaño, espazo libre de violencia machista. Velaí as nosas fotos e tamén o vídeo realizado polo Equipo de Dinamización da Convivencia do Cmus Xan Viaño. No seguinte enlace, podedes visitir a publicación no blogue En todas as claves do Equipo de Dinamización de Convivencia: O Cmus Xan Viaño. Espazo Libre de Violencia Machista.
Hoxe, no día de Santa Icía, a patrona dos músicos, queremos lembrar a mañá na que nos erguemos e descubrimos ao invasor. Os mozos e mozas do Peque Coro in crescendo cantaban Bella Ciao, un canto tradicional italiano asociado á resistencia antifascista. Sen pretender banalizar co Bella Ciao , xa que o tema merece sempre un profundo respeto e necesidade de recoñecemento histórico para que non volte a avergoñar a ningunha xeración, quixemos cantalo co dobre sentido que as circunstancias esixían, e desgraciadamente, seguen a esixir. Unha loita contra un inimigo, mais invisible: o COVID.
O Peque Coro quixo adicar a tódolos nenos e nenas unha ola de esperanza na súa loita valente e responsable contra o COVID-19. Seguimos nesa loita...e facendo uso desa responsabilidade, aínda non podemos xuntarnos para desfrutar de facer música todos xuntos. Aínda non podemos desfrutar compartindo ensaios e concertos, mais agardamos con esperanza esa volta. Así cantaban os pequecoristas dende as súas casas
Comentarios
Publicar un comentario